Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Unha persoa falecida e outra ferida de consideración despois de colidir dous turismos en Xinzo de Limia

Falece unha persoa e outra resulta ferida de consideración tras chocar dous vehículos en Xinzo de Limia.

O accidente ocorreu pasados uns minutos das 19:30 horas deste mércores. A esa hora, unha persoa particular chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que acababa de ocorrer un accidente entre dous coches que circulaban pola N-525, á altura do Instituto de Xinzo, dirección Ourense. Segundo o alertante, había persoas feridas e todas  accesibles.

Con estes datos, os profesionais do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasaron aviso decontado ao 061-Urxencias Sanitarias e á Policía Local. Do mesmo xeito, informaron dos feitos aos Bombeiros de Xinzo e aos efectivos de Protección Civil.

Finalmente, unha vez no lugar, os efectivos de Protección Civil confirmaron ao 112 Galicia o falecemento dunha das persoas. Ademais, aseguraron que no accidente, outra persoa resultara ferida de gravidade. 

Falece un operario en Arzúa ao quedar atrapado baixo a carretilla elevadora que reparaba

Un operario perdeu a vida onte mentres realizaba o seu traballo nun almacén, situado na N-547, concretamente, no lugar de Laberco, no concello coruñés de Arzúa.

O traballador reparaba unha carretilla elevadora en dito almacén e foi precisa a intervención dos Bombeiros de Arzúa para liberar ao home atrapado baixo a máquina.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso, sobre as 19:15 horas de onte, grazas á unha persoa particular que chamou para pedir axuda.

Así, nada mais recibir o aviso do alertante, dende o 112 informouse, de inmediato, ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros. Do mesmo xeito, alertouse á Garda Civil, Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.

Os servizos de emerxencia desprazados ao punto só puideron confirmar o falecemento da persoa. 

Cinco persoas feridas en senllas colisións múltiples ocorridas en Teo e Pontevedra

Ao fío das 21:00 horas da noite pasada, tres persoas resultaban feridas nun accidente entre outros tantos vehículos.

O accidente ocorreu no momento en que os vehículos circulaban ao seu paso pola Travesía de Montouto, en Cacheiras, no concello coruñés de Teo.  

Unha persoa particular foi quen, a esa hora, alertou ao 112 Galicia. Solicitaba asistencia sanitaria para o accidente no que podía haber menores feridos. Así, o persoal do CIAE pasou aviso decontado ao 061-Urxencias Sanitarias, ademais, informou dos feitos aos axentes de Tráfico, da Policía Local e de Protección Civil da localidade.

Unha vez no punto, os profesionais sanitarios confirmaron ao 112 o traslado de tres persoas ao centro hospitalario La Rosaleda de Santiago.

Dous feridos en Pontevedra
Por outra banda, pasados uns minutos das 19:30 horas da tarde pasada, o CIAE era informado doutro accidente múltiple con dúas persoas feridas. Ao igual que no caso anterior, tratouse dun choque entre outros tres turismos que circulaban pola N-550, á altura do lugar de Cabanas, na parroquia pontevedresa de Salcedo.

Tras recibir a chamada dun alertante, dende o 112 Galicia pasouse aviso aos servizos sanitarios de urxencia. Tamén, solicitouse a colaboración  dos axentes de Tráfico e da Policía Local e informouse aos Bombeiros de Pontevedra e ao persoal do servizo de mantemento da estrada.

Persoal do 061 confirmou ao 112 Galicia o traslado de dúas persoas feridas ao centro hospitalario de referencia.