Boletín Informativo das 13:00 horas do día 12/06/2018 | Axega

Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Feridos de consideración os dous ocupantes dun camión que envorcou en Taboadela

Un camión envorcado á altura do concello ourensán de Taboadela deixou esta mañá dúas persoas feridas de consideración.

O persoal do CIAE, ao redor das 10:30 horas, recibía a chamada dos efectivos de Protección Civil de Allariz que informaban dun accidente grave dun camión na N-525, en A Touza, concretamente no cruce de Santás. Aseguraban que había persoas feridas pero que non estaban  atrapadas no interior do vehículo, que envorcara na estrada. 

Os profesionais do 112 pasaron aviso, de inmediato, ao persoal do 061-Urxencias Sanitarias e á Garda Civil de Tráfico. Do mesmo xeito, informaron da situación aos Bombeiros de San Cibrao das Viñas e aos membros do GES de Pereiro de Aguiar. Tamén, debido á gravidade das lesións que presentaban os ocupantes do vehículo, os servizos sanitarios optaron por desprazar ata o lugar o helicóptero medicalizado con base en Ourense, que tomou terra no mesmo lugar onde se produciron os feitos.

Fontes sanitarias confirmaron ao 112 Galicia que os dous feridos foron trasladados ata o Hospital Cristal de Ourense. 

Dúas persoas trasladadas por inhalación de fume en Santiago tras producirse un incendio na súa vivenda

Un incendio nunha vivenda da Rúa Torrente, no barrio compostelán de Conxo, obrigou aos servizos sanitarios a evacuar aos seus dous residentes, que presentaban síntomas de intoxicación polo fume provocado.

Ao fío das 09:45 horas, os mesmos Bombeiros composteláns informaban ao persoal do 112 Galicia que foran alertados dun lume nunha casa, no enderezo indicado. Indicaban ademais da posibilidade de xente -de avanzada idade- no seu interior.  Por iso, nada mais recibir o aviso púxose en alerta  ao servizo do 061-Urxencias Sanitarias, que decontado mobilizou unha ambulancia cara o punto.

Así mesmo, dende o CIAE solicitouse a colaboración dos axentes da Policía Nacional, Local e dos efectivos de Protección Civil.  

Os Bombeiros confirmaron ao persoal do CIAE que, unicamente, ardeu a cheminea da vivenda e a contorna da mesma.