Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Unha muller perde a vida despois de ser atropelada en Ponteareas

Unha muller morreu esta mañá despois de ser alcanzada por un vehículo preto do Tanatorio de Amboares, en Ponteareas.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o sinistro produciuse ás 10:20 horas de hoxe cando a vítima duns 80 anos de idade se desprazaba por unha zona de supermercados próxima ao tanatorio. Ao lugar acudiu un equipo do 061-Urxencias Sanitarias que nada puido facer por salvarlle a vida.

Tamén foi mobilizada unha patrulla da Garda Civil de Tráfico e foron informados os Bombeiros de Ponteareas, aínda que a vítima estaba liberada e accesible.

Atropelos en Ares e Valdoviño
Mais o 112 Galicia rexistrou esta mañá outros dous atropelos ocorridos en Ares e Valdoviño, nos que resultaron feridos senllos peóns. Así, o primeiro sucedeu ás 9:20 horas na Avenida de Mugardos, en Ares, mentres que o segundo produciuse unha hora máis tarde na AC-566, ao paso polo concello de Valdoviño.

En ambos os dous casos, interviñeron os servizos sanitarios de urxencia e as forzas da orde.