Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Falecen un home e unha muller nunha colisión frontal en Carnota

Dúas persoas, un home e unha muller, faleceron esta tarde nun choque frontal entre dous coches en Carnota. Segundo puido saber o 112 Galicia, as dúas vítimas mortais viaxaban nun dos turismos accidentados. Por outra banda, o condutor do segundo coche implicado resultou ileso.

O sinistro ocorreu no punto quilométrico 19,500 da AC-550. O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 16:00 horas, a través da alerta dunha persoa particular.

Acto seguido, dende o CIAE 112 Galicia pasábase o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Cee, aos efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Muros e a Protección Civil. Ademais, o persoal do 112 Galicia informou dos feitos ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE).

Unha vez no punto, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Cee liberaron ao home e á muller empregando o material de excarceración, xa que, a causa do choque, quedaron atrapados no interior do vehículo.

Xa liberadas as dúas persoas, os efectivos sanitarios nada puideron facer por salvarlles a vida.

Trasladada unha persoa despois de que o coche no que circulaba envorcase en Forcarei

Os servizos sanitarios de urxencia trasladaron ao hospital Rosaleda a unha persoa que resultou ferida nun accidente de tráfico en Forcarei. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o turismo no que circulaba a vítima envorcou na PO-7201, ao fío das 15:00 horas.

Nese momento unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do sinistro e, nada máis recibir o aviso, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia se puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros do Deza, do GES da Estrada e de Protección Civil.