Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Ferido de consideración en Muros mentres cortaba unha árbore nunha finca da súa propiedade

Un helicóptero do Servizo de GardaCostas de Galicia desprazouse esta tarde ata Muros para rescatar a un home ferido no monte.

O ferido, no momento de producirse o accidente cortaba un pino nunha finca particular, no lugar de A Alivía, na localidade coruñesa de Muros.

Ás 17:00 horas desta tarde, unha persoa particular alertaba ao 112 Galicia de escoitar os berros dun mozo no monte. Ata o lugar desprazouse un amigo do alertante que se atopou co mozo ferido.

A partir de aí, o CIAE puxo en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias que solicitou a colaboración dos membros do GES  para trasladar ao equipo médico do Centro de Saúde da localidade ata o lugar dos feitos, mentres non chegaba a ambulancia. Unha vez no punto, os efectivos do GES indicaron ao 112 que debido ao estado do paciente, o rescate e traslado en  aeronave sería o mais axeitado para o ferido. Foi entonces, cando dende o CIAE se informou do suceso ao persoal do Servizo de GardaCostas de Galicia e  de Salvamento Marítimo e mobilizaron o helicóptero Pesca1. Tamén se solicitou a colaboración dos axentes da Garda Civil .

Finalmente, a aeronave rescatou ao ferido que o trasladou ata o Hospital do Barbanza. 

Liberan a un condutor do interior do seu vehículo tras saírse da vía ao seu paso por Gondomar

Un home foi excarcerado esta tarde tras quedar atrapado no interior do seu vehículo despois de saírse da vía pola que circulaba.

Ao fío das 16:00 horas, persoal do 061-Urxencias Sanitarias informaba ao 112 Galicia dunha saída de vía e coa persoa atrapada no interior do vehículo. Tamén, neses intres, a Policía Local alertaba do mesmo suceso, indicaban que tiñan coñecemento dunha saída de vía na estrada de Vincios, ao redor do punto quilométrico 15 da PO-331, en Gondomar.

Foi a partir de aí, cando dende o CIAE se puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Baixo Miño, do GES e Protección Civil de Val Miñor e da Garda Civil de Tráfico. Así mesmo, alertouse do suceso aos Bombeiros de Vigo e ao persoal do servizo de mantemento da estrada.

Unha vez no punto, os bombeiros confirmaron ao 112 Galicia a excarceración da persoa ferida.