Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Preto dunha vintena de traballadores tiveron que ser desaloxados por mor dunha fuga de gas en San Cibrao

Unha vintena de operarios tiveron que abandonar momentáneamente os seus postos de traballo mentres os efectivos de emerxencias localizaban unha fuga de gas na rúa 14 do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia soubo do suceso ás 13:30 horas de hoxe mediante a chamada de alerta dos bombeiros da localidade que informaban dun escape de gas producida tras picar unha brigada de obras unha tubaxe. Deste xeito, os servizos de emerxencias acordoaron a zona e pasaron aviso á empresa subministradora. Tamén, procederon a desaloxar as seis empresas que atopan na zona. En total, unha vintena de traballadores que, pouco a pouco, volveron aos seus postos de traballo en canto a fuga foi controlado e os técnicos da empresa lograron reparar a tubaxe.

Cómpre sinalar que, tras recibir a chamada no 112 Galicia, os xestores do Centro pediron a colaboración dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias, aínda que ninguén resultou afectado. Do mesmo xeito, pasouse aviso aos membros do GES de Pereiro de Aguiar, que traballaron xunto cos Bombeiros de San Cibrao para controlar o escape.

Un peón, ferido de consideración tras ser atropelado por un autobús urbano en Vigo

Un peón resultou ferido de consideración despois de ser alcanzado por un autobús urbano na Rúa Urzáiz de Vigo.

O accidente produciuse ás 16:15 na confluencia con Gran Vía e, como consecuencia do golpe, a persoa sufriu lesións de consideración, polo que foi evacuado ao hospital de referencia. 

Foi outro condutor quen chamou ao 112 Galicia para solicitar asistencia médica para o peón que presentaba diversas feridas na cara. Así, desde o 112, informouse ao 061-Urxencias Sanitarias e aos axentes da Polícia Local.

Un operario resulta ferido despois de desprenderse un balcón en Cangas

Un operario foi trasladado ao Hospital Povisa ao resultar ferido polo desprendemento dun balcón en Cangas.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o operario traballaba sobre un balcón cando se desprendeu e o home caeu ao chan. Como consecuencia do golpe, o ferido sufriu unha fractura aberta de perna, polo que foi trasladado ao Hospital Povisa de Vigo. 

Tras recibir a alerta no 112 Galicia, cando estaban a piques de dar as catro da tarde, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos profesionais sanitarios, así como dos axentes da Policía Local e Garda Civil e dos membros do Servizo Municipal de Emerxencias.

Ademais, no Porriño, rescataron a un operario que caeu a un foso mentres traballaba nun concesionario de camións situado no Polígono Industrial da Granxa. Ao igual que no caso anterior, o ferido foi trasladado ao Hospital Povisa cun traumatismo na cabeza, pero consciente. 

Cómpre sinalar que este accidente produciuse ás tres da tarde e ata o lugar desprazouse un equipo do 061-Urxencias Sanitarias e os axentes da Garda Civil.