Escuchar
mércores, 16 Maio, 2018

As lapas calcinaron por completo a cociña dun local de hostalaría situado á entrada da localidade coruñesa de Vimianzo, pola estrada da Coruña. Debido ao lume, caeron algúns falso teitos do inmoble pero, por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais, iso si, o local e o resto do edificio víronse afectados polo fume.

Ás 05:15 horas desta madrugada un particular chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que lle ardía a cociña e que non había persoas afectadas. De inmediato, dende o CIAE alertouse aos Bombeiros de Cee e á Garda Civil. Así mesmo, solicitouse a colaboración dos efectivos de Protección Civil da localidade.

Unha vez extinguido, os Bombeiros procederon a ventilar o local.

Incendio nunha panadería
Un fallo eléctrico é a causa mais probable da orixe dun lume que se iniciou nun forno dunha panadería en Santa Comba. Segundo confirmaron os Bombeiros, ardeu por completo  o baixo que era utilizado como panadería, sen afectar á vivenda da parte superior do inmoble.

Pasados uns minutos das 19:30 horas da tarde pasada, un particular solicitaba ao 112 Galicia a intervención dos membros de extinción. Indicaba que lles estoupara o forno da cociña e que había moito fume no local, situado no lugar de Barbeira, na parroquia de Fontecada.

Ata o lugar, desprazáronse decontado os Bombeiros de Santa Comba que tras extinguir as lapas, ventilaron o local. A colaboración da Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil tamén foi requirida polo 112 Galicia.