Escuchar
venres, 14 Setembro, 2018

Un incendio calcinou por completo a nave de Castañas Barredo, en Rubiá, sen que se rexistrasen persoas feridas.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 18:30 horas da tarde de onte mediante as chamadas de alerta do persoal da empresa e dos veciños, que contactaron co servizo de emerxencias alarmados polas chamas perceptibles desde diversos puntos. Así, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, activouse un operativo no que participaron os Bombeiros do Barco de Valdeorras e Monforte e os membros do GES de Valdeorras. Tamén se solicitou a colaboración do persoal de extinción de incendios da Consellería do Medio Rural, que achegaron material para a extinción.

Por fortuna, ninguén resultou ferido e tampouco se viu afectada a contorna da nave, na que se concentra zona arborada e outras naves industriais, que quedaron a salvo do lume. Non obstante, as chamas devoraron por completo a nave de Castañas Barredo, composta por diversos departamentos para o secador e procesamento dos seus produtos.

Convén sinalar que a elevada carga de combustión alcanzada polo incendio prolongou o traballo dos efectivos de extinción, malia a que lograron confinar o lume arredor das oito da tarde de onte. Con todo, non foi ata a unha e media da madrugada cando deron por extinguido o lume, aínda que permaneceu un retén durante unhas horas máis para maior seguridade. 

Igualmente, indicar que mentres duraron os traballos de extinción, foi necesario interromper o tráfico polas vías de acceso debido á caída de restos da construción. Así, co fin de regular a circulación na zona, pediuse a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Incendio nunha vivenda en construcción en Ames
Por outra banda, no concello de Ames, concretamente no Lugar de Carballo, rexistrouse outro incendio que afectou á parte baixa dunha vivenda en construción onde se almacenaba herba seca. Por fortuna, ninguén resultou ferido e, ademais, a casa está totalmente illada o que impediu a propagación do lume.

O 112 Galicia tivo coñecemento do incendio pouco antes das dez da noite de onte a través dos axentes da Policía Local da localidade e, decontado, activouse o operativo no que participaron os Bombeiros de Boiro, membros do GES de Brión e voluntarios de Protección Civil de Ames.

A cantidade de herba seca acumulada no baixo da casa fixo que os traballos de extinción se prolongasen ata as seis desta madrugada.