Avisa, os expertos saben como tratalas

trampas velutinas

Se ves un niño de avespa velutina mantén unha distancia de separación de cinco metros e dá aviso a través dos teléfonos 012 e 112. 

Mantén a calma. A avespa invasora (a velutina ou asiática) ten para a poboación os mesmos riscos que a avespa autóctona. Ataca cando se sente ameazada, por iso é importante que manteñamos unha separación dos niños duns cinco metros. A composición do veleno é practicamente igual e, coma en todos os casos, pode representar un serio problema para as persoas alérxicas.  

Para controlar a poboación da especie invasora, cómpre eliminar os niños, pero agarda un intre. Estás seguro de que se trata dunha avespa velutina?

Como podemos distinguir unha avespa invasora doutra autóctona?

  • As autóctonas son algo máis grandes e de aspecto máis coloreado 
     
  • Os tons vermellos e marelos contrastan cos máis escuros (marróns e negros) da velutina ou asiática
     
  • Os niños da invasora adoitan ter forma de pera e son de maior tamaño que os da autóctona
     
  • As invasoras entran ao niño por un pequeno buraco situado a media altura, mentres que as autóctonas o fan pola base e por unha abertura máis alongada

Ademais, existen métodos sinxelos e moi económicos para previr a formación de enxames de abellas e avespas, en concreto, cando se forman en cámaras de ventilación, bocas das chemineas ou mesmo nos ocos das persianas. 

Pensa que acceder a un niño metido, por exemplo, nunha cámara de ventilación dun edificio pode pór en perigo a vida das especies protexidas, ademais de ocasionar un gasto importante para os veciños. 

Instalar unha malla de aceiro inoxidable de tres milímetros de luz é barato e suficiente para evitar a formación de enxames en lugares de difícil acceso. As mallas deben colocarse nos catro costados da casa.

Se precisas máis información, preme no enlace.