Boletín Informativo das 09:00 horas do día 06/12/17

mércores, 6 Decembro, 2017 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Dous adultos e un menor  trasladados  despois de colidir dous turismos en Ames

Dúas persoas resultaron feridas ao colidir dous turismos no lugar  de Milladoiro, na parroquia de Biduído do termo municipal coruñés de Ames. Ademais, os servizos sanitarios de urxencia trasladaron ao centro hospitalario de referencia,  por precaución, a  un menor que tamén  viaxaba nun dos turismos accidentados.

Ás 20:20 horas da noite pasada,  persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE) recibía a chamada dun alertante que informaba  dunha saída de vía dun turismo no Milladoiro. Por este motivo, estábase producindo moita retención na zona.  No transcurso da chamada, outra persoa particular contactaba co CIAE e se identificaba coma unha das implicadas. Indicaba que acababa de ter un accidente contra outro turismo e precisaba asistencia sanitaria.

Así, dende o CIAE puxéronse os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias e da Policía Local. Así mesmo, informouse da situación aos membros do GES de Brión e de Protección Civil da localidade, que axiña se desprazaron ao punto indicado.

Un ferido en Mos
Sobre as 20:00 horas tamén deste martes, o condutor dun vehículo sanitario, contactou co CIAE para informar dun choque tamén entre dous turismos, na saída 14 da A-55, dirección Tui, á altura do concello de Mos.  Indicaba que por mor da colisión, unha persoa resultara ferida. Con estes datos, o 112 Galicia puxo en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros de Baixo Miño. Igualmente, solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico e a dos efectivos de Protección Civil.