Boletín informativo das 09:00 horas do día 11/02/18 | Axega

Escuchar

Resulta ferido un condutor despois de bater o seu vehículo contra un muro e calcinarse por completo

Os servizos sanitarios de urxencia atenderon esta noite ao condutor dun turismo que bateu contra un muro e ardeu por completo.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o accidente produciuse ás 23:40 horas de onte no lugar da Ermida, na parroquia pontevedresa de Marcón.

O condutor estaba fóra do vehículo cando comezou a arder, non obstante, necesitou asistencia médica, polo que os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pediron a colaboración dos profesionais do 061-Urxencias Sanitarias.

Tamén foron informados os Bombeiros de Pontevedra, que acudiron ao lugar para sufocar o incendio provocado polo vehículo, que resultou completamente calcinado.

Saída de vía en Avión
Ademais, dúas persoas resultaron feridas tras sufrir un accidente o vehículo no que viaxaban. Ocorreu preto das seis desta madrugada na estrada que une Oroso con Avión, na provincia de Ourense.

Foi un dos implicados no sinistro quen contactou co 112 Galicia para pedir axuda. Deseguido, os xestores solicitaron a intervención dos profesionais sanitarios e dos membros do GES de Avión, aínda que as persoas estaban liberadas e accesibles.