Boletín Informativo das 09:00 horas do día 17/04/18

martes, 17 Abril, 2018 - 09:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 18:00 e as 08:00 horas

Ferida unha muller despois de ser alcanzada por un tren en Ourense

Os servizos sanitarios de urxencia evacuaron onte a unha muller que resultou ferida  despois de ser alcanzada por un tren, no do punto quilométrico da vía 242.400, á altura do paso inferior da estrada OU-101, no lugar de Zaín e  parroquia ourensá de  Seixalbo.

Familiares da vítima, aseguraban ao persoal do 112 Galicia que aínda que a muller estaba inconsciente, respiraba e estaba accesible para proceder á súa evacuación. Por iso, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia nada mais ter constancia do suceso, solicitouse de inmediato a intervención do persoal sanitario. A muller foi trasladada polos servizos sanitarios ao Hospital Cristal Piñor.

Ás 21:15 horas de este luns, o CIAE recibía a chamada de alerta do persoal de Adif Emerxencias. Indicaban que unha persoa fora alcanzada por un tren de pasaxeiros que facía a liña  Zamora-Coruña, polo que a circulación de trens quedara interrompida.

Foi a partir de aí, cando dende o 112 Galicia ademais de solicitar a intervención do persoal sanitario, alertou aos Bombeiros de Ourense e aos axentes da Policía Nacional que axiña se desprazaron ao lugar. Tamén, a Policía Local e os efectivos de Protección Civil foron informados do suceso.

Unha vez evacuada a muller, a circulación de trens quedou totalmente restablecida.