Boletín Informativo das 13:00 horas do día 06/12/17

mércores, 6 Decembro, 2017 - 13:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un condutor ferido tras envorcar co seu vehículo en Pantón

Un condutor resultou ferido despois de envorcar co seu turismo ao paso da localidade lucense de Pantón. Os feitos ocorreron á altura de Touriz, ao redor do punto quilométrico 8 da LU-617.

Ás 12:00 horas deste mediodía, un particular chamou ao 112 Galicia para pedir axuda.  Indicaba que un coche acababa de envorcar e o seu condutor estaba ferido. Ademais, aseguraba que o home precisaba axuda para saír do interior do turismo.

Foi nese momento, cando o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE) ademais de requirir a intervención do persoal sanitario, alertou aos membros do parque comarcal e á Garda Civil de Tráfico. Do mesmo xeito, solicitou a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada para a limpeza da vía, polos danos ocasionados.

Finalmente, os Bombeiros comunicaron ao persoal do CIAE que, aínda que non foi preciso o uso do material de excarceración si axudaron ao condutor a saír do interior do vehículo.

Muller atropelada
Unha muller resultou ferida esta mañá despois de ser atropelada por un turismo na localidade lucense de Monforte de Lemos. Ás 11:30 horas, o propio condutor comunicaba ao 112 Galicia que atropelara a unha muller na Plaza de Compañía, á altura dos Escolapios.

Decontado, pasouse aviso ao 061-Urxencias Sanitarias. Tamén, nada mais ser informados polo persoal do CIAE desprazáronse ao lugar dos feitos,  os axentes da Policía Local, os Bombeiros e os efectivos de Protección Civil da localidade.

Motorista ferido
Por outra banda, en Vilagarcía de Arousa, un motorista resultaba ferido tamén esta mañá. A escasos minutos das 12:00 horas deste mediodía, unha persoa particular informaba ao 112 dunha caída de moto no lugar de Vilaxoán, á altura da Praia de Preguntoiro.

Nada mais recibir o aviso, os xestores do CIAE puxeron os feitos en coñecemento dos técnicos sanitarios, da Policía Local, dos Bombeiros e de Protección Civil de Vilagarcía.