Boletín informativo das 13:00 horas do día 11/12/17

luns, 11 Decembro, 2017 - 13:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 08:00 e as 12:00 horas

Un traballador sufriu un traumatismo na cabeza tras caer dunha altura en Santiago

Os profesionais sanitarios atenderon esta mañá a un home que sufriu un traumatismo na cabeza tras caer dunha altura de máis de dous metros mentres traballaba nunha nave situada no Polígono do Tambre.

Aínda que estivo en todo momento consciente, o ferido foi evacuado por unha ambulancia de Urxencias Médicas para ser atendido do golpe que recibiu na cabeza.

Foi un particular quen alertou ao persoal do 112 Galicia cando estaban a piques de dar as 11 horas de hoxe. A partir dese momento, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias solicitaron a intervención de Urxencias Médicas e das forzas da orde. Tamén foron informados os bombeiros da cidade.

No momento no que sufriu o accidente, o ferido estaba a realizar labores de construción nunha nave situada na Rúa Isaac Peral do Polígono do Tambre.

 

Localizado un home falecido no interior dun domicilio en Muros

Un particular informou esta mañá ao 112 Galicia dun home que localizaron falecido nas escaleiras dunha vivenda situada na Rúa dos Forno en Muros.

Tras recibir a alerta, o persoal do CIAE solicitou a intervención dos profesionais de Urxencias Médicas e da Garda Civil, que nestes intres está investigar as circunstancias que rodearon este suceso.

 

Os bombeiros de Carballo sufocaron un incendio nunha vivenda en Coristanco

Os Bombeiros de Carballo apagaron esta mañá un incendio rexistrado nunha vivenda situada no lugar de Montecelo, en Coristanco. Ninguén resultou afectado, pero as lapas calcinaron un cuarto e o fume estendeuse por toda a vivenda.

Foi un particular quen percibiu o lume e chamou ao 112 Galicia preto das 9:30 horas de hoxe. Así, os xestores do 112 Galicia informaron aos bombeiros, que contaron coa colaboración dos veciños na extinción do lume.

Conato na Guarda
Por outra banda, na Guarda, un conato de incendio localizado na sala de máquinas da piscina provocou un pequeno lume que decontado apagou o persoal das instalacións municipais sen que se rexistrasen danos persoais.

O propio persoal da piscina se encargou de desaloxar as instalacións ata que quedou resolto o incidente. Pola súa banda, o persoal do 112 Galicia informou aos Bombeiros do Porriño, Policía Local e GES.