Boletín informativo das 19:00 horas do día 05/12/17

martes, 5 Decembro, 2017 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Resulta afectada unha menor por mor dun escape de gas nun domicilio en Pontevedra

Unha menor sufriu un esvaecemento como consecuencia dun escape de gas rexistrado nun domicilio en Pontevedra. Tras recibir a chamada dun particular, os xestores do 112 Galicia puxéronse en contacto cos Bombeiros de Pontevedra, que, mediante as medicións correspondentes, constataron a presenza de monóxido de carbono en diversas estancias da casa, isto é, cociña, baño e un cuarto. Segundo os efectivos do Servizo de Extinción e Salvamento, a fuga de gas puido deberse ao mal funcionamento da caldeira.

Pola súa banda, o persoal sanitario trasladou á pequena ata o Hospital Provincial da cidade pontevedresa para ser atendida. No domicilio tamén se atopa a nai da cativa, pero só ela tivo que ser evacuada ao centro hospitalario. Ademais dos bombeiros e persoal sanitario, os xestores do 112 Galicia informaron aos axentes da Policía local e ao servizo de avarías da compañía subministradora do gas.

O suceso rexistrouse ás 14:30 horas de hoxe na Rúa Luis Otero de Pontevedra.

Fuga en Ponteareas
Tamén en Ponteareas tivo que ser atendida unha persoa que resultou afectada a causa dunha fuga provocada pola mala combustión dunha estufa de pellets. A persoa que sufriu a intoxicación foi trasladada polos profesionais sanitarios ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Ponteareas, que realizaron as medicións correspondentes para comprobar a presenza de monóxido de carbono no interior dun local comercial situado na Avenida Castelao.

O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 16:30 horas de hoxe a través dun aviso de Urxencias Médicas. A partir dese momento, activou un operativo no que participaron, ademais os axentes da Policía Local e o Grupo de Emerxencia Municipal.

Un home quedou inconsciente tras ser atropelado en Tui

Os profesionais sanitarios atenderon esta tarde a un varón duns 35 anos que foi atropelado na Baixada de Randufe en Tui. Segundo indicaron os efectivos de Urxencias Médicas o ferido estaba inconsciente. Tras recibir o aviso, o persoal do 112 Galicia informou ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal, aos axentes de tráfico e aos Bombeiros do Baixo Miño.

O accidente produciuse pouco antes das sete desta tarde.

Unha persoa sufriu feridas graves nunha man mentres manexaba unha picadora

O helicóptero medicalizado con base en Ourense acudiu hoxe ao concello de San Cristovo de Cea para atender a unha persoa que sufriu lesións graves nunha man mentres manexaba unha picadora. Concretamente, o accidente produciuse no lugar de Gamoal e ata alí desprazáronse, ademais do persoal sanitario, axentes da Garda Civil.

Foi ás 14:20 horas cando o 112 Galicia recibiu o aviso e a partir de aí activouse un operativo composto por Urxencias Médicas e forzas da orde.