Escuchar

Dúas persoas feridas nunha colisión múltiple na Coruña

Unha colisión entre tres turismos ocorrida esta tarde na Coruña saldouse con dúas persoas feridas. O accidente tivo lugar debaixo da Ponte da Pasaxe, ás 16:55 horas.

Foi a esa hora cando un particular alertaba do sinistro ao 112 Galicia. Nese momento, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasábase o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros da Coruña.

Saída de vía
Ademais, en Foz, un home resultaba ferido leve ao saírse da vía o turismo no que circulaba. O sinistro ocorreu na saída da localidade, na variante de Foz a Burela. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o coche accidentado rematou encaixado nunha cuneta.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 14:50 horas, a través da alerta do 061-Urxencias Sanitarias.

A partir de aí, o persoal do CIAE puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros de Barreiros, do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Cervo, da Garda Civil de Tráfico e de Protección Civil.

Unha vez no lugar do sinistro, os servizos de emerxencias axudaron ao único ocupante do coche a saír do interior do vehículo, xa que se atopaba nunha situación difícil. Con todo, o home saíu polo seu propio pé e foi trasladado a un centro hospitalario.

Accidente entre autobús e coche
Por outra banda, unha colisión entre un autobús escolar e un turismo na Pobra do Caramiñal saldouse sen feridos. Segundo puido saber o 112 Galicia, no momento do accidente viaxaban no coche de liña 47 menores, que foron trasladados a outro autobús para completar o percorrido dende o IES da Pobra do Caramiñal ata Santa Cruz.

O accidente tivo lugar na rúa de Gasset, á altura do número 34, pasados uns minutos das 14:50 horas. Nese momento o 112 Galicia recibía a alerta do sinistro a través de Protección Civil. Os voluntarios indicaban que ningunha persoa estaba ferida.

Con estes datos, dende o CIAE informouse do ocorrido á Policía Local.

 

Arde parte dunha casa en Rodeiro

Un incendio declarado nun anexo a unha casa en Rodeiro provocou danos nesta parte da vivenda, sen que ningunha persoa resultase ferida. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o lume calcinou o andar superior do anexo, duns 30 metros cadrados. Ademais, o tellado colapsou na súa totalidade.

Os feitos ocorreron no lugar de Leboro, na parroquia de Río, ao fío das 11:00 horas. Nese momento, un particular contactou co 112 Galicia para dar conta do incendio.

Decontado, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informaba do lume aos Bombeiros do Deza, ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Lalín, á Garda Civil e a Protección Civil da localidade.

Unha vez no lugar do incendio, a dotación controlou as lapas e arrefriou a zona.

Neste momento, os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento regresaron á  vivenda para arrefriar e revisar as zonas afectadas polo lume, xa que aínda quedan brasas.

Incendio nunha cociña
Por último, en Baños de Molgas, unha tixola esquecida ao lume provocaba un incendio nun local de 20 metros cadrados anexo a unha vivenda, onde os propietarios tiñan unha cociña. Afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida nin afectada. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, as lapas causaron danos en todo o local e no tellado do anexo.

Un particular alertaba do incendio ao 112 Galicia ás 14:50 horas. Indicaba no seu relato que ardía unha casa no lugar de Almoite, á altura do número 98.

Acto seguido, dende o CIAE pasábase o aviso ao GES de Pereiro de Aguiar, á Garda Civil, aos Bombeiros de San Cibrao das Viñas e a Protección Civil. Ademais, o persoal do CIAE informou dos feitos aos Bombeiros de Xinzo de Limia.

Xa na vivenda, os servizos de emerxencias controlaron e sufocaron o lume.