Boletín informativo das 19:00 horas do día 13/01/18

sábado, 13 Xaneiro, 2018 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Nove persoas feridas leves nun accidente con seis coches implicados en Tui

Nove persoas resultaron feridas leves esta tarde despois de producirse un accidente de tráfico no que se viron implicados seis turismos en Tui. O sinistro produciuse na A-55, á altura de Randufe, sentido Portugal.

 

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ao fío das 14:40 horas, a través da alerta dun particular. Nese momento, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informábase á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros do Baixo Miño e ao 061-Urxencias Sanitarias.

 

Colisión múltiple
Ademais, cinco persoas tiveron que ser trasladadas ao colisionar tres coches en Melón. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, tres vítimas foron evacuadas ao centro médico El Carmen e as outras dúas ao hospital Álvaro Cunqueiro.

 

O accidente tivo lugar na A-52, concretamente no punto quilométrico 267, dirección Vigo. Un particular alertaba do ocorrido ao 112 Galicia ás 15:45 horas.

 

A partir de aí, dende o CIAE púxose os feitos en coñecemento da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Ponteareas e do Carballiño, do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Ribadavia e do 061-Urxencias Sanitarias.

 

Accidente por mor da sarabia
Por outra banda, en Lalin, dous vehículos bateron entre eles e outros tres saíronse da vía por mor da sarabia. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, dúas persoas tiveron que ser excarceradas polos Bombeiros do Deza, ao quedar atrapadas no interior do turismo. As vítimas viaxaban no mesmo coche.

 

O sinistro produciuse ás 12:25 horas na AP-53, entre Dozón e Lalín, sentido Santiago. Foi a esa hora cando o 112 Galicia recibía a alerta de varios particulares que contactaban para informar do accidente.

 

Acto seguido, o persoal do CIAE pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, ao GES de Lalín, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros do Deza.

 

Colisión
Unha colisión entre dous coches en Noia saldouse con dúas persoas feridas, unha delas tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Borio. Segundo puido saber o 112 Galicia, as vítimas foron trasladadas ao hospital A Rosaleda.

 

O sinistro ocorreu en Barro, ao fío das 14:20 horas desta tarde. O 112 Galicia recibía a alerta do sinistro a través da Policía Local e do 061-Urxencias Sanitarias.

 

Decontado, dende o CIAE pasábase o aviso aos Bombeiros de Boiro e a Protección Civil.

 

Dous nenos feridos
Dous nenos resultaron feridos nunha colisión ocorrida en Castro de Rei, na parroquia de Duarría, ás 13:30 horas. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, un menor atopábase inconsciente.

 

Un particular contactou co 112 Galicia para dar conta do ocorrido. De inmediato, dende o CIAE informábase ao 061-Urxencias Sanitarias e á Garda Civil de Tráfico.

 

Atropelo
Por último, unha muller de avanzada idade tivo que ser trasladada ao Hospital Universitario da Coruña ao ser atropelada en Oleiros. Os feitos producíronse na rúa de Lameiro, á altura do número 20, na parroquia de San Pedro de Nós.

 

O 112 Galicia tivo constancia do atropelo ao fío das 14:30 horas. A partir de aí, o persoal do CIAE informou do ocorrido ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, a Protección Civil e aos Bombeiros de Arteixo.