Boletín informativo das 19:00 horas do día 13/04/18

venres, 13 Abril, 2018 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Dous nenos feridos nunha colisión entre un turismo e unha furgoneta en Bueu

Os servizos sanitarios de urxencia atenderon esta tarde a dous nenos que resultaron feridos despois de producirse unha colisión entre un coche e unha furgoneta en Bueu. O accidente tivo lugar na PO-551, concretamente no punto quilométrico 9,200.

Un particular contactaba co 112 Galicia ás 14:00 horas para dar conta do sinistro. Nada máis recibir a alerta, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasábase o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, aos Bombeiros do Morrazo, á Garda Civil de Tráfico e ao servizo de mantemento da estrada.

Coche envorcado
Por outra banda, unha nai e a súa filla foron trasladadas a un centro hospitalario despois de que envorcase en Ames o turismo no que viaxaban. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o coche bateu contra un poste telefónico que condicionou a circulación na estrada.

A saída de vía sucedeu en Biduído de Arriba, á altura do número 16, ao fío das 14:30 horas. Nese momento, un particular alertaba do ocorrido ao 112 Galicia. Indicaba no seu relato que as ocupantes do vehículo se atopaban fóra do coche.

A partir de aí, dende o CIAE informouse do accidente ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, ao GES de Brión, á Policía Local, aos Bombeiros de Santiago e á empresa de telefonía.

Colisión múltiple
Por último, en Bergondo, unha colisión entre tres turismos saldouse cunha menor ferida. Ocorreu na N-VI, ao seu paso pola parroquia de Guísamo.

O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ao fío das 15:55 horas, a través da alerta dun particular.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Policía Local, de Protección Civil e dos Bombeiros de Betanzos.