Boletín informativo das 19:00 horas do día 16/04/18

luns, 16 Abril, 2018 - 19:00
Noticias destacadas no período comprendido entre as 12:00 e as 18:00 horas

Unha muller, liberada despois de que o turismo no que viaxaba envorcase en Vilaboa

Os servizos de emerxencia liberaron esta tarde a unha muller que resultou ferida ao envorcar o coche no que circulaba en Vilaboa. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o accidente sucedeu no punto quilométrico 9 da N-554.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ao fío das 15:00 horas , a través da alerta dunha persoa particular. Indicaba no seu relato que a muller se atopaba consciente e engadía que as portas do vehículo estaban abertas.

Decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasábase o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Morrazo, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil.

Unha vez no lugar do accidente, os voluntarios de Protección Civil de Vilaboa confirmaron que a vítima estaba accesible, polo que se descartou a intervención dos membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Morrazo, e colaboraron cos efectivos sanitarios para liberar á muller.

Colisión entre coche e camión
Por outra banda, tiña lugar un choque entre un turismo e un camión na N-550, concretamente no punto quilométrico 110,500, sentido Santiago. No sinistro, resultou ferido o condutor do turismo, que tivo que ser liberado do interior do vehículo polos Bombeiros do Salnés e o persoal sanitario do 061-Urxencias Sanitarias.

Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia ás 13:40 horas para informar do accidente.  Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil de Barro  e dos Bombeiros do Salnés e  de Pontevedra.