Escuchar

Unha colisión múltiple sáldase cunha muller ferida en Arteixo

Unha muller resultou ferida onte despois de producirse un choque entre tres coches en Arteixo. O accidente tivo lugar na AC-552, á altura da parroquia de Oseiro, no lugar de Vilarrodís.

O 112 Galicia recibiu a alerta do sinistro a través da chamada dun particular ás 20:05 horas. Indicaba no seu relato que unha muller se atopaba mal e engadía que os vehículos implicados dificultaban a circulación.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Arteixo e a Protección Civil.

Motorista ferido
Por outra banda, ás 00:10 horas, o 061-Urxencias Sanitarias alertaba ao 112 Galicia dunha colisión entre un coche e unha moto en Teo. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, o motorista resultou ferido. Tivo que ser trasladado a un centro hospitalario.

O sinistro ocorreu no punto quilométrico 71 da N-550.

Dende o CIAE informouse dos feitos á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil e aos efectivos do GES da Estrada.

 

Arde unha palleira en Agolada

O 112 Galicia tivo constancia ás 3:55 horas desta noite dun incendio declarado nunha palleira en Agolada. Foi un particular quen deu a voz de alarma ao 112 Galicia. Indicaba que o incendio tiña lugar en Reboredo, na parroquia de Borraxeiros.

De inmediato, dende a central do 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros do Deza, da Garda Civil, dos efectivos do GES de Lalín e de Protección Civil.

Finalmente, a dotación conseguiu sufocar o lume. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, no incendio ardeu unha palleira anexa a unha vivenda que non se viu afectada. No interior do pallal había unha segadora antiga e diversos apeiros de labranza que quedaron calcinados. Ademais, caeu o seu tellado e só quedaron as paredes en pé.