Boletín Informativo das 09:00 horas do día 15/10/16 | Axega

Escuchar

Unha colisión múltiple na autovía do Barbanza deixa dúas persoas feridas

Dúas persoas resultaron feridas a causa dun choque entre catro vehículos. Sucedeu onte, arredor das nove da noite, na autovía do Barbanza, ao paso polo concello de Rianxo.

Primeiro bateron dous coches, que quedaron no  medio da calzada. E, uns minutos máis tarde, dous máis colidiron contra os primeiros. En total, catro turismos implicados nun accidente que causou lesións de diversa consideración a dúas persoas. Unha delas foi evacuada nunha ambulancia de Urxencias Médicas ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela.

Outros condutores que circulaban pola vía nese intre chamaron ao 112 Galicia para dar conta da situación. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia se informou aos Bombeiros de Boiro, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e a un equipo de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas.

Algo máis dunha hora despois, os bombeiros voltaron á base logo de colaborar co persoal de mantemento na limpeza da calzada. A causa do accidente viuse afectada parte da sinalización, que, en calquera caso, foi reparada polos equipos da AXI.

Coche envorcado en Valga
Un vehículo envorcou na AP-9, á altura do concello pontevedrés de Valga. Foi a condutora quen alertou ao persoal do 112 Galicia. A muller advertiu que estaba atrapada no interior do coche e precisaría asistencia médica.

Decontado, o persoal do 112 pediu a colaboración dos membros do GES de Valga e dos Bombeiros do Salnés, que unha vez no lugar do accidente comprobaron que a muller estaba xa liberada e atendida polos profesionais sanitarios.

O accidente rexistrouse ás tres da madrugada no punto quilométrico 99 da AP-9, en sentido Vigo. Ademais dos efectivos de emerxencias, o persoal do 112 avisou aos axentes da Garda Civil de Tráfico.

Atropelos na Coruña e Poio
Ademais, o 112 Galicia rexistrou esta noite dous atropelos en Poio e A Coruña. O primeiro ocorreu ás 22:30 horas de onte na rotonda de Lourido, no concello pontevedrés.

Os servizos sanitarios de urxencia confirmaron que unha persoa resultou ferida despois de ser alcanzada por un vehículo na estrada de Sanxenxo a Pontevedra, xusto na rotonda de Lourido.

Máis tarde, dende A Coruña, o 112 recibiu unha chamada de auxilio por un home atropelado na Rúa Joaquín Planells, fronte á estación de tren.

Decontado, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias informou aos profesionais sanitarios, bombeiros e axentes da Policía Local.