Escuchar

Dúas persoas faleceron e cinco resultaron feridas a causa de tres accidentes rexistrados en Galicia esta noite

Tres accidentes rexistrados en diversos puntos da rede viaria de Galicia deixaron dúas vítimas mortais e cinco feridos.

Dous motoristas perderon a vida a causa dun sinistro na N-541, ao paso polo concello de Cerdedo. Sucedeu ás 20:00 horas de onte, concretamente, no lugar de Vichocuntín, en dirección a Soutelo de Montes.

Un coche bateu coa moto na que viaxaban as dúas vítimas mortais, segundo aclararon os voluntarios de Protección Civil de Cerdedo. Seguidamente, o mesmo turismo chocou con outra moto e o condutor tivo que ser atendido polos servizos médicos de urxencia.

Apoio ás familas das vítimas
Unha persoa particular alertou ao persoal do 112 Galicia, que, deseguido, activou un operativo no que, ademais dos efectivos de emerxencias, participaron os profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE). As familias das vítimas recibiron atención especializada tras coñecer as consecuencias do accidente.

As dúas persoas falecidas máis a persoa que conducía a outra moto, que tamén resultou ferida, estaban liberadas e accesibles. Igualmente, os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias solicitaron a colaboración dos Bombeiros do Deza, así como dos membros do GES da Estrada.

Tamén interviron os axentes de seguridade e o persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento, que trataron de restablecer as condicións de seguridade na vía.

Tres feridos en Gondomar
A primeira hora desta mañá un novo accidente deixou tres persoas feridas en Gondomar. Un coche se saíu da vía e un dos ocupantes tivo que ser excarcerado polos Bombeiros do Baixo Miño. Ocorreu pouco despois das sete desta mañá en Mañufe, na estrada da Ramallosa a Gondomar.

As persoas que chamaron ao 112 Galicia para informar do accidente estaban alarmadas, pois, tras o golpe, pensaron que o coche comezaba a arder. Os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias avisaron, de inmediato, aos Bombeiros do Baixo Miño e aos membros do GES do Val Miñor.

Ao lugar do accidente tamén acudiron os profesionais de Urxencias Médicas e os axentes de seguridade. Igualmente, foron necesarios os equipos de limpeza da Axencia Galega de Infraestruturas.

Sinistro na Coruña
Outro turismo se saíu da vía na Avenida Monelos, na Coruña. A persoa que chamou ao 112 pensou que o condutor estaba atrapado, pero os bombeiros indicaron que tiña a porta bloqueada.

O accidente produciuse ás 2:30 horas desta madrugada.