Boletín Informativo das 09:00 horas do día 25/04/17 | Axega

Escuchar

Atopan o corpo dun home desaparecido no Porriño

As forzas da orde investigan a aparición no Porriño do cadáver dun home desaparecido na madrugada do pasado luns. O varón, de 65 anos de idade, foi atopado no interior do seu vehículo minutos despois das 19:00 horas da pasada tarde.

Foi unha persoa particular a que atopou o coche da vítima nun camiño que conecta coa N-550. Acto seguido, chamou ao 112 Galicia para dar a voz de alarma.

Os familiares do varón falecido puxéronse en contacto co 112 Galicia na madrugada deste luns para alertar da súa desaparición. De inmediato, dende a central de emerxencias do 112 Galicia púxose en marcha un operativo no que participaron membros da Garda Civil e de Protección Civil. A situación tamén foi posta en coñecemento de Protección Civil. 

 

Un condutor resultou ferido en Allariz tras envorcar o vehículo  que conducía

Un home resultou ferido tras envorcar o furgón que conducía cando circulaba á altura da localidade ourensá de Allariz. Foi un particular quen, sobre as 07:30 horas desta mañá, informou ao Centro de Atención ás Emerxencias do 112 do accidente. Indicaba que un compañeiro seu acababa de ter un accidente co furgón que conducía e que estaba envorcado na cuneta, no punto quilométrico 219 da N-525.

Nada máis recibir a alerta, o persoal do CAE 112 Galicia pasou aviso a Urxencias Médicas, Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros de Xinzo. Tamén se solicitou a colaboración dos efectivos de Protección Civil de Allariz. Axentes de Tráfico,  unha vez no punto, confirmaron que a persoa estaba fora do vehículo e que precisaba asistencia sanitaria.

O condutor foi evacuado en ambulancia polo persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia. 

 

Un incendio derrúe dúas chabolas no poboado da Ponte Pasaxe, na Coruña

Un lume calcinou dúas chabolas, na súa totalidade, no poboado da Ponte Pasaxe. Ademais, ardeu lixo e chatarra acumulada no lugar. Un particular indicaba ao persoal do 112 Galicia, ás 2:00 horas desta madrugada, que ardía unha chabola e que había unha persoa no seu interior.

Así, decontado, dende o Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertouse a Urxencias Médicas e aos Bombeiros da cidade que, unha vez no punto, confirmaron que ninguén resultara ferido nin afectado.  As Forzas da Orde e os efectivos de Protección Civil tamén foron informados polo persoal do 112 Galicia.

Ao redor das 06:00 horas, os Bombeiros daban por finalizadas as tarefas de extinción.