Boletín informativo das 09:00 horas do día 25/06/17 | Axega

Escuchar

Atropelan dúas persoas no centro de Lugo

Dúas persoas resultaron feridas en Lugo tras ser atropeladas por un vehículo. O accidente tivo lugar no centro da cidade. Máis en concreto, os feitos rexistráronse na Avenida da Coruña, nas inmediacións do Parque da Milagrosa. 

O 112 Galicia tivo coñecemento do ocorrido ás 21:45 horas de onte, a través dun aviso de Urxencias Médicas. 

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias, pola súa banda, alertou aos Bombeiros de Lugo, a Protección Civil e á Policía Local. 

 

Rescatan un home en Ourense atrapado no oco das escaleiras da súa casa

Os Bombeiros de Ourense encargáronse esta noite de rescatar un home que quedara atrapado nas escaleiras da súa casa, en Ourense. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, a vítima sufriu unha caída e quedou atorado no oco das escaleiras exteriores da vivenda. 

Os feitos tiveron lugar en Cabeza de Vaca, na Rúa do Castelo.

Foi unha veciña da zona a que se puxo en contacto co 112 Galicia ás 23:10 horas desta noite. Acto seguido, dende a central de emerxencias do 112 informouse aos Bombeiros de Ourense, a Urxencias Médicas e á Policía Local.

Despois de ser rescatado polos Bombeiros, o varón foi trasladado nunha ambulancia a un centro hospitalario.

 

Arden dúas casas deshabitadas en Xinzo

Un incendio calcinou parte de dúas vivendas lindeiras de Xinzo de Limia. As lapas danaron os tellados e o interior das dúas casas deshabitadas. As propiedades tiñan a estrutura de madeira, o que favoreceu a rápida propagación do lume. Con todo, o incendio non afectou ao resto de casas anexas.

As vivendas onde se declarou o lume sitúanse no Barrio Vello de Faramontaos.

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia ás 0:25 horas desta madrugada. Segundo indicou, as casas empregábanse a día de hoxe como almacén de herba seca. 

O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 alertou aos Bombeiros de Xinzo, a Protección Civil e á Garda Civil.