Escuchar

Unha muller faleceu tras ser atropelada en Santa Comba

Unha señora foi alcanzada por un turismo en Freixeiro, concretamente, na estrada que une Santa Comba con Santiago. O golpe lle provocou lesións moi graves que, finalmente, lle custaron a vida. Ás 20:15 horas, unha persoa particular chamou ao 112 para pedir axuda. Asegurou que a muller fora atropelada e quedara inconsciente. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia informou decontado aos servizos sanitarios de urxencia, que, pouco despois, confirmaron o falecemento da ferida. Tamén acudiron as forzas da orde e os Bombeiros de Santa Comba.

Catro feridos en Foz

Un turismo envorcou na estrada da Ferreira, en Foz. As catro persoas que viaxaban no interior resultaron feridas. Unha delas mesmo necesitou a axuda dos servizos de emerxencias para poder saír do vehículo. Segundo os Bombeiros de Barreiros, tiveron que romper un cristal para sacalo. Ademais dos efectivos do parque comarcal, o persoal do 112 Galicia pediu a colaboración dos membros do GES de Cervo e dos axentes da Garda Civil e Policía Local.

 

Rescatada da auga unha persoa que pedía auxilio agarrada a unha embarcación

Un socorrista fóra de servizo sacou da auga a unha persoa que pedía auxilio suxeita a unha embarcación. Atopábase a uns 20 metros da beira, na contorna do Porto de Santa Cruz, en Oleiros. Polo momento, descoñécense as circunstancias que rodearon este suceso, pero o certo é que a persoa estaba na auga, agarrada a un barco e os seus berros de auxilio se sentían dende a beira. De feito, varias persoas chamaron ao 112 Galicia para informar do sucedido. Eran as once da pasada noite. Os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia avisaron a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, membros do servizo local de Protección Civil e técnicos de Urxencias Médicas. Primeiro, unha persoa que se identificou como socorrista acuático sacou ao ferido da auga e o levou ata unha zódiac que estaba enganchada no embarcadoiro, posteriormente, o recolleu outra embarcación de salvamento para trasladalo a porto, onde agardaba unha ambulancia. O equipo de rescate sinalou que o ferido se atopaba bastante mal. Así, foi evacuado de urxencia ao complexo hospitalario da Coruña.