Escuchar

Localizados catro mozos perdidos nun monte da Estrada cos quads que conducían

Catro mozos foron localizados esta madrugada polos efectivos do GES da Estrada tras perderse no monte cando facían unha ruta en quads. 

Os mozos foron localizados sans e salvos. 

Un particular, pasados uns minutos das 00:30 horas desta madrugada, chamou ao CAE 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que os catro mozos saíran a facer unha ruta en quads, polo Monte San Torcado, en Enviande-Montillón, na localidade da Estrada, fíxose noite e perdéranse. Aseguraba, ademais, que todos estaban en boas condicións. 

A partir de aí, o 112 Galicia puxo en marcha un dispositivo de busca no que participaron a Garda Civil e os efectivos do GES e de Protección Civil da Estrada.

Finalmente, e, grazas ao envío da  súa localización a través do WatsApp, os mozos foron localizados –en perfecto estado-  polos efectivos do GES que os acompañaron ata o lugar onde as súas familias os agardaban.