Escuchar

O 112 Galicia rexistra tres incendios en vivendas en la provincia de Pontevedra

O 112 Galicia rexistrou nas últimas horas deste domingo un total de tres incendios urbanos na provincia de Pontevedra. Afortunadamente, en ningún deles, houbo que lamentar danos persoais.

Pasados uns minutos das 23:00 horas, un particular informaba dunha casa unifamiliar ardendo na Rúa Rodel, na Illa de Arousa. Indicaba que a xente estaba fora do inmoble pero non podía precisar, exactamente, o que ardía. Decontado, os profesionais do Centro de Atención as Emerxencias puxeron os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Vilagarcía e da Garda Civil.

Unha vez no punto e extinguido o lume, os membros do parque comarcal confirmaron que un deshumificador foi a causa da orixe do lume. Ardeu unha habitación por completo e resultou afectado polo fume o andar superior do inmoble.

Arde cociña en Vigo
Sobre as 19:30 horas un particular solicitaba axuda ao 112 Galicia para apagar un lume na cociña dun local de hostalería situado na Rúa Gran Vía. Aseguraba que non había feridos. Así, pasouse aviso, de inmediato, aos Bombeiros da cidade, a Protección Civil e á Policía Local que xa tiñan constancia do suceso. Finalmente, ardeu unha fritideira industrial.

Incendio en Poio
Por outra banda sobre as 20:15 horas o CAE 112 Galicia recibía a chamada dunha persoa particular informando doutro incendio. Neste caso unha tixola ao lume foi a causa do incendio.

Segundo o relato da alertante, deixou a tixola ao lume e cando chegou á casa atopou a vivenda chea de fume. Ata o lugar, desprazáronse ademais dos Bombeiros de Ribadumia, os efectivos do GES de Sanxenxo, de Protección Civil de Poio e os axentes da Policía Local que confirmaron que ardeu a cociña sen causar mais danos. 

 

Un ferido  tras colidir unha furgoneta e un camión en San Cristovo de Cea

Unha persoa resultou ferida despois de colidir un camión e unha furgoneta á altura do termo municipal de San Cristovo de Cea (Ourense). O accidente ocorreu na AG-53, no punto quilométrico 73, dirección Ourense. O 112 Galicia, ás 19:20 horas da tarde pasada, recibía a alerta de varios particulares que informaban, ademais,  da posibilidade de persoas atrapadas  ao envorcar o camión lateralmente.

Ata o lugar desprazáronse os axentes de Tráfico e de Protección Civil do Carballiño co equipo de excarceración que, finalmente, non foi preciso o seu uso. Urxencias Médicas xa tiña constancia do suceso e desprazou ata o punto unha ambulancia convencional para evacuar ao ferido.