Escuchar

Unha persoa faleceu ao ser atropelada por un turismo en Bergondo

Unha persoa faleceu esta mañá en Bergondo despois de ser atropelada por un turismo que circulaba pola N-VI, á altura do Polígono Industrial de Piadela. Un particular pediu axuda ao persoal do CAE 112 Galicia arredor das 08:30 horas de hoxe. De contado, se pasou aviso aos técnicos de Urxencias Médicas, que nada puideron facer por salvar a vida da persoa. Ao Polígono de Piadela se achegaron tamén os axentes da Garda Civil Tráfico e os efectivos de Protección Civil de Bergondo.

 

Os bombeiros de Vilalba axudaron a unha muller encamada á que se lle inundou a casa en Abadín

Os efectivos do parque comarcal de bombeiros de Vilalba axudaron esta mañá a unha muller encamada á que a enchente do Río Támoga inundou a súa vivenda. O inmoble está situado mesmo á beira do río, no lugar de Zoñán, en Abadín, e, por moito que achiquen, a crecida do caudal segue anegando a planta baixa da vivenda, onde se atopaba a enferma. Os bombeiros resolveron trasladar á muller á planta alta da casa, máis segura, pois abaixo a auga acumulada alcanzou xa os 15 centímetros, indicaron os efectivos do parque comarcal. Xusto ao lado, engadiron, hai outra vivenda na mesma situación, aínda que as persoas que habitan nela se atopan en perfecto estado e tampouco precisan da axuda dos bombeiros. Non obstante, o persoal do CAE 112 Galicia avisou ás autoridades locais. Os xestores do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia puxeron en marcha o operativo grazas á chamada dun particular ás 10:30 horas de hoxe. Por outra banda, en Outes, continúan cortadas algunhas estradas por mor do corremento de terra e pedras na DP-5604, DP-6201 e CP-3404, no punto quilométrico 11. Tamén, no concello de Rois, ás 9:50 horas desta mañá, os membros do GES de Padrón se achegaron a revisar a ponte da Praia Fluvial de Seira, que ten afectado un dos seus pilares. A crecida do río ocasionou danos estruturais que poderían pór en risco a estabilidade da estrutura.