Escuchar

Catro persoas resultan feridas en dous accidentes ocorridos en Tui

O CAE 112 Galicia rexistraba sobre as 09:00 horas de hoxe, dous accidentes na localidade de Tui. Un deles consistiu nunha saída de vía dun vehículo que circulaba pola A-55, á altura da parroquia de Guillarei, e, os dous ocupantes resultaron feridos, aínda que segundo indicaron os servizos sanitarios, non revestían gravidade. Ata o lugar, desprazáronse ademais de Urxencias Médicas,  os axentes de Tráfico. Tamén, os Bombeiros , efectivos de Protección Civil e  persoal do servizo de mantemento da vía  foron informados polo 112 Galicia. A esa hora, tamén colidían dous vehículos na PO-350, na estrada que une as localidades de Tui e Tomiño. Tras recibir a alerta, o persoal do CAE 112 Galicia, pasou aviso a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Baixo Miño,  por se os condutores estiveran atrapados no interior dos vehículos. Os condutores resultaron feridos pero non tiveron que ser excarcerados, aínda así, os efectivos do parque comarcal continuaron ata o lugar e se encargaron da limpeza da vía. A intervención dos axentes de Tráfico e de Protección Civil  tamén foi requirida polo 112 Galicia. 

 

Dous feridos en dous accidentes con dous camións implicados en Vedra e Touro, respectivamente

O condutor dun vehículo autorizado para circular sen carné, resultou ferido tras colidir co seu vehículo contra un camión. O accidente tivo lugar, ás 11:30 horas de hoxe, na estrada que une Santa Irene e a Ponte de San Xusto, na parroquia de Turces, ao paso da localidade coruñesa de Touro.  A esa hora, un particular chamaba ao CAE 112 para pedir axuda. Aseguraba que un dos implicados precisaba asistencia sanitaria e que non había persoas atrapadas xa que, os dous condutores estaban fora dos vehículos. Dende o 112 Galicia solicitouse a intervención de Urxencias Médicas, dos Bombeiros de Arzúa,dos axentes de Tráfico e de Protección Civil de Touro. No concello coruñés de Vedra, dúas persoas resultaron feridas ao colidir un camión e un turismo cando circulaban pola N-525, á altura de Ponte Ulla. Foi o propio condutor do camión quen, ás 08:50 horas desta mañá,  alertou ao CAE 112 Galicia. A partir de aí pasouse aviso a Urxencias Médicas, Garda Civil de Tráfico, GES de A Estrada e Protección Civil de Vedra. Os técnicos sanitarios confirmaron que os dous feridos non revestían gravidade. O servizo de mantemento da estrada encargouse das tarefas de limpeza da vía.