Escuchar

Os servizos de emerxencias rescatan o corpo dunha muller a 50 metros da costa en Oleiros

O corpo dunha muller foi rescatado no mar esta tarde polos servizos de emerxencias a 50 metros da costa no termo municipal coruñés de Oleiros. Unha dotación dos Bombeiros da Coruña desprazouse cunha embarcación ata o punto, a 20 metros da ponte da pasaxe cara fóra da ría, e a sacaron da auga. Un particular daba a voz de alarma ao 112 Galicia pasados uns minutos das 17:00 horas. Indicaba no seu relato que a muller non braceaba.

Decontado, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso a Salvamento Marítimo, á Policía Local, a Protección Civil, ao Servizo de Gardacostas de Galicia e á Garda Civil. Os servizos de emerxencias nada puideron facer por salvarlle a vida á muller.

 

Liberada unha persoa despois de saírse da vía co seu vehículo en Fene

Por outra banda, unha persoa foi liberada polos Bombeiros de Ferrol ao saírse da vía co vehículo no que viaxaba en Fene. A dotación tivo que sacar á vítima pola parte traseira do turismo. O accidente ocorreu na parroquia de Sillobre. Un particular alertaba do sinistro ao 112 Galicia ás 17:20 horas.

A partir de aí, dende o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informábase do sucedido, ademais de aos Bombeiros, a Urxencias Médicas, Policía Local e Garda Civil de Tráfico.