Escuchar

O Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA instala barreiras anticontaminación nun río de Bergondo para frear unha vertedura de hidrocarburos

O Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias ten previsto instalar nas vindeiras horas barreiras anticontaminación no río Callou, en Bergondo, para frear unha vertedura de hidrocarburos detectada esta tarde.

A instalación das barreiras é unha medida preventiva ante o previsible incremento das precipitacións durante esta madrugada, o que podería provocar o arrastre dos residuos que arestora permanecen acumulados na vexetación de ribeira.

As barreiras vanse colocar na ría de Betanzos, na contorna da desembocadura do Callou. Así e todo, segundo se lle indicou ao 112, nesa zona non se percibe arestora ningún resto da vertedura. Os traballos hanse ver condicionados polas características do terreo, unha zona de pouco calado á que non se pode acceder por mar ao estar a marea baixa.

O 112 Galicia recibiu o primeiro aviso da situación ás 14:00 horas desta tarde. Segundo as primeiras indicacións, a mancha de hidrocarburos afectou a treitos do río dende As Angustias ata o lugar de Miodelo.

Coa primeira voz de alarma, os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informaron aos Bombeiros de Betanzos, á Policía Autonómica, á Policía Local, a Protección Civil e á Garda Civil. A situación tamén foi posta en coñecemento de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Polo momento non está clara a orixe da vertedura. As primeiras hipóteses, así e todo, barallan a posibilidade de que proceda dalgunha empresa do Polígono Industrial de Piadela, en Betanzos.

 

Tres persoas feridas nun choque múltiple en Mos

Unha colisión entre dous turismos e un furgón deixan tres persoas feridas en Mos. En concreto, o sinistro rexistrouse na Avenida de Rebullón.

As tres persoas feridas foron evacuadas polos efectivos sanitarios ao Hospital Perpetuo Socorro de Vigo.

Unha persoa particular informaba do choque múltiple ao 112 Galicia ás 13:30 horas de hoxe. Dende o Centro de Atención ás Emerxencias déuselle aviso a Urxencias Médicas e aos Bombeiros do Baixo Miño. Tamén se alertou a Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil de Tráfico.

 

Unha empregada dunha panadería ferida ao ser atropelada por unha compañeira

Accidente laboral en Cangas. Unha muller resultou ferida despois de que unha compañeira a atropelase coa furgoneta destinada ao reparto da panadería na que traballan.

Os feitos tiveron lugar nas instalacións da empresa na rúa Fontaíña, en Aldán. Segundo se lle indicou ao 112, a vítima foi trasladada ao Hospital Povisa de Vigo. O seu estado non reviste gravidade, aínda que presenta varias lesións lumbares e tamén na cabeza.

O 112 Galicia recibiu o aviso dos feitos ás 14:00 horas, a través de Urxencias Médicas. Acto seguido, informouse a Protección Civil e á Garda Civil.

Caída en Arteixo
O de Cangas non foi o único accidente de consideración rexistrado nas últimas horas en Galicia. En Arteixo, un operario quedou ferido ao sufrir unha caída dende unha altura duns tres metros.

Os feitos tiveron lugar nunha urbanización situada na Avenida Maruja Mallo. Os efectivos sanitarios alertaron ao 112 Galicia ás 15:45 horas desta tarde. Pola súa banda, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias informou á Protección Civil, á Policía Local e á Garda Civil.