Escuchar

Cinco persoas feridas despois dunha colisión entre dous coches en Abadín

Cinco persoas resultaron feridas despois de producirse unha colisión, na que se viron implicados dous turismos, esta tarde en Abadín. Unha das vítimas foi trasladada ao Hospital de Lugo e as outras catro ao Hospital Virxe dos Ollos Grandes. O sinistro tivo lugar na A-8, concretamente no punto quilométrico 561.

Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, unha persoa foi liberada por varios particulares ao quedar atrapada no interior dun dos coches implicados.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido a través da alerta dun particular ás 16:00 horas. Indicaba no seu relato que, dentro dun dos turismos, un home necesitaba axuda para saír do interior.

Acto seguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Vilalba -que se achegaron ao punto cun equipo de excarceración-, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil.

Finalmente, a dotación do parque comarcal levou a cabo a limpeza da vía.

Saída de vía
Por outra banda, o 112 Galicia recibía a alerta, a través dun particular, dunha saída de vía en Lobios ao fío das 15:30 horas. O accidente, no que estivo implicado un coche, produciuse no punto quilométrico 59 da N-540.

Debido ao sinistro, un varón, que resultou ferido leve, tivo que ser trasladado nunha ambulancia a un centro hospitalario. Segundo se lle indicou ao 112, o turismo rematou envorcado e ocupaba parte da estrada.

Dende o CIAE informouse dos feitos á Garda Civil de Tráfico, ao 061-Urxencias Sanitarias e aos efectivos do GES de Lobios.

 

Trasladada en helicóptero unha persoa que se afogaba nunha praia fluvial de Arbo

O 112 Galicia recibía a alerta dunha persoa que se afogaba na praia de San Xoan, en Arbo, ás 16:40 horas. Foi o persoal do 061-Urxencias Sanitarias quen deu o aviso ao 112 Galicia. Ademais, un particular chamaba á central do 112 para indicar que xa sacaran á persoa da auga ata a beira, pero se atopaba inconsciente.

De inmediato, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Ponteareas e da Garda Civil.

Debido á situación grave da persoa afogada o 061-Urxencias Sanitarias mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Foi trasladada na aeronave ata o Hospital Álvaro Cunqueiro.

 

Desaloxado un edificio en Monforte de Lemos por mor dun incendio

Un edificio de catro andares tivo que ser desaloxado en Monforte de Lemos esta tarde por mor dun incendio. Os feitos tiveron lugar no cuarto piso do inmoble, situado na rúa Coruña, no número 32.

Segundo lle indicaron ao 112 Galicia os Bombeiros da localidade, tamén se produciu un escape de gas na vivenda, que quedou cortado ao pechar o acceso xeral. Unha vez dentro da casa, a dotación confirmou que non había ninguén no interior.

O 112 Galicia tivo constancia do incendio a través da alerta dun particular ás 16.40 horas. A partir de aí, os profesionais do CIAE 112 Galicia pasaban o aviso aos Bombeiros de Monforte e aos de Sarria, á Policía Local e a Protección Civil.

Neste momento os servizos de emerxencias traballan na extinción do lume.