Boletín Informativo das 19:00 horas do día 11/12/16 | Axega

Escuchar

Falece un ciclista nunha proba de BTT en Oia

Un ciclista duns 40 anos morreu hoxe mentres participaba nunha proba de BTT que se celebraba no concello de Oia. Segundo se lle indicou ao 112, a vítima faleceu por morte súbita. 

Os feitos tiveron lugar nun camiño situado preto do Curro de Mougás. Unha persoa particular contactou co 112 Galicia contra as 11:45 horas solicitando asistencia sanitaria para o home. Ata o lugar, alertados polo persoal do 112, desprazouse decontado un equipo de Urxencias Médicas. Malia os intentos por reanimalo, nada se puido facer por salvarlle a vida. 

Os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias tamén informaron ao GES da Guarda, a Protección Civil e á Garda Civil. Tras a confirmación do falecemento, minutos despois das 13:00 horas desta tarde, os xestores do CAE 112 decidiron explicar a situación ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), xa que no lugar dos feitos estaban presenten varios familiares da vítima. Algún deles xa tivo que recibir asistencia psicolóxica nas últimas horas.