Escuchar

Catro persoas, entre elas dúas nenas, resultaron feridas en senllos accidentes ocorridos esta tarde en Santiago

No primeiro dos accidentes foi precisa a intervención dos Bombeiros para liberar ao conductor que quedou atrapado no interior do vehículo despois de envorcar. Ás 15:50 horas desta tarde, o Centro Integrado ás Emerxencias do 112 recibía a chamada dun particular que informaba dun coche envorcado na N-634, á altura do Polígono Industrial, en Santiago de Compostela. O alertante indicaba que había xente no interior do turismo que podía estar atrapada.

Así, pasouse aviso de inmediato, tanto como aos técnicos sanitarios como aos Bombeiros de Santiago. Tamén, dende o 112 Galicia, solicitouse a colaboración dos axentes de Tráfico, da Policía Local e a dos efectivos de Protección Civil da localidade.

Os membros de Protección Civil indicaron ao persoal do CIAE que, debido ao impacto, un farol de alumeado público caeu ao chan pero os operarios do Concello xa se estaban encargando da súa reparación.

Tres feridos evacuados
Por outra banda, ao fío das 16:45 horas, producíase outro accidente na cidade. Tratouse dunha colisión entre dous turismos no Polígono da Sionlla. O alertante que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda, indicaba que polo menos  dúas nenas precisaban ser atendidas polos servizos sanitarios.

Foi a partir de aí, cando o persoal do CIAE puxo os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Policía Local e de Protección Civil que confirmou a evacuación de tres feridos en ambulancia.

Nena atropelada
En Vigo, ás 17:00 horas, persoal do 061-Urxencias Sanitarias informaba ao 112 Galicia do atropelo a unha nena de nove anos na Rúa do Conde de Torrecedeira. Indicaban que unha ambulancia se desprazaba ao punto. O CIAE, tras recibir o aviso, informou do suceso á Policía Local, Protección Civil e aos Bombeiros da cidade. 

 

Desaloxadas dúas vivendas unifamiliares por mor dun incendio no exterior dunha nave en Vigo

Un incendio no exterior dunha nave industrial foi a causa do desaloxo das seis persoas que nese momento habitaban as dúas vivendas, situadas na parte de atrás do local, en Beade. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais e tan só arderon plataformas de táboas almacenadas no recinto sen afectar, tan sequera, ao interior da nave.  

Foron varios os particulares, os que, ao fío das 13:44 horas deste mediodía alertaban ao 112 Galicia. Todos eles indicaban que vían lapas e fume dende distintos puntos da cidade pero non sabían precisar con seguridade o que ardía.

De contado, dende o CIAE púxose en marcha un operativo no que participaron os Bombeiros de Vigo, do Porriño, axentes da Garda Civil, Policía Nacional e Local, efectivos de Protección Civil e o Servizo provincial de incendios.  Ademais, dende o 112 Galicia tamén se puxo en alerta ao persoal sanitario do 061-Urxencias Sanitarias, por si nalgún momento fose precisa a súa intervención. O persoal do servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia tamén foi informado do acontecido.

A esta hora, os membros do parque comarcal do Baixo Miño deron por finalizada a súa intervención. Indicaron que o lume estaba controlado, polo que, os compañeiros do parque de Vigo procedían coas tarefas de arrefriamento.

Incendio hórreo
Por outra banda, o CIAE foi alertado tamén este mediodía dun incendio nun hórreo no Ézaro, na localidade coruñesa de Dumbría. Nada mais recibir a alerta, ao fío das 14:30 horas, informouse aos Bombeiros de Cee, á Garda Civil e a Protección Civil. Unha vez extinguido o lume, os bombeiros confirmaron que ardeu parte do hórreo no que se almacenaba leña.