Escuchar

Falece un operario ao sufrir unha caída nunha empresa de Lugo

Un traballador perdeu a vida esta tarde nun accidente laboral rexistrado en Lugo. A vítima morreu ao caer dende unha altura. A empresa na que ocorreron os feitos sitúase en Conturiz, na parroquia de Santo André de Castro.

Unha persoa particular chamou ao 112 Galicia minutos despois das 17:00 horas desta tarde. Solicitaba asistencia sanitaria para a vítima. O persoal do CAE 112 estableceu comunicación con Urxencias Médicas. Tamén se alertou á Policía Nacional, a Protección Civil e á Policía Local.

Os efectivos sanitarios decidiron mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense. A intervención da aeronave quedou suspendida tras confirmarse o falecemento do operario.

 

Aparece morta unha muller nun lavadoiro de Cenlle

Unha muller morreu hoxe no concello ourensán de Cense ao afogar nun lavadoiro. Os feitos tiveron lugar no centro do núcleo de Cima de Vila, na parroquia de Vilar de Rei.

Unha persoa particular localizou o cadáver da vítima contra as 14:50 horas de hoxe e chamou ao 112 Galicia. O persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 informou decontado a Urxencias Médicas, ao GES de Ribadavia e á Garda Civil.

Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o corpo da muller foi retirado da auga polo seu propio fillo. Os efectivos sanitarios tentaron reanimala, pero só se puido certificar a súa morte.

 

Dúas persoas feridas nunha colisión na ponte dos Peares

Unha colisión frontal entre dous vehículos deixa dúas persoas feridas en Nogueira de Ramuín. Máis en detalle, o sinistro rexistrouse sobre a ponte dos Peares, situada na N-120, a estrada que une Monforte de Lemos con Ourense. Todo apunta a que o accidente se produciu por unha mala manobra.

Unha persoa particular alertaba da colisión ao 112 Galicia ás 17:20 horas desta tarde. Segundo indicaba, unha das dúas persoas que resultaran feridas estaba atrapada no interior do seu coche. Con estes datos, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias do 112 decidiu informar a Urxencias Médicas e ao GES do Pereiro de Aguiar, que se desprazaron ata o punto cun equipo de excarceración. Así e todo, finalmente a persoa puido saír do vehículo polo seus propios medios.  

Os efectivos sanitarios mobilizaron ata o lugar dos feitos unha ambulancia para asistir ás persoas feridas. Ademais, no operativo tamén participaron, a través do aviso do 112 Galicia, efectivos de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.

 

Unha persoa evacuada en helicóptero tras ser atropelada

Unha persoa foi atropelada hoxe en Vilalba. A vítima estaba a cruzar nun paso de peóns cando foi alcanzada por un coche. O sinistro produciuse nas proximidades do polígono industrial da localidade.

O 112 Galicia recibiu o aviso do atropelo ás 14:20 horas de hoxe. Os profesionais do CAE 112 informaron a Urxencias Médicas e aos Bombeiros de Vilalba. Tamén se alertou á Policía Local.

Os efectivos sanitarios trasladaron á persoa ferida en ambulancia ata o centro de saúde da vila. Dende alí, foi evacuada a un hospital no helicóptero medicalizado con base en Santiago.