Escuchar

Trasladados ao CHUS dous mozos feridos nun incendio en Santiago

Dous rapaces saltaron dun segundo piso ao patio de luces tras decatárense dun incendio no cadro de contadores do edificio. Ocorreu pouco antes das dúas desta tarde no número 26 da rúa compostelana de Galeras. Os mozos sufriron diversas contusións e presentaban síntomas de intoxicación por inhalación de fume, polo que foron trasladados ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). O lume comezou no portal do edificio, no cadro de contadores, e provocou unha intensa fumareda que afectou aos pisos superiores e ao supermercado do lado. Os bombeiros da cidade tiveron que rescatar coa cesta a unhas sete persoas, que, en todo caso, se atopan en perfecto estado de saúde. Pola súa banda, a empresa eléctrica subministradora do servizo está a investigar as causas do incendio, que se produciu coincidindo cun cambio de contadores. As chamadas ao 112 Galicia de veciños e viandantes permitiron que se activase un operativo no que, ademais dos bombeiros e os servizos sanitarios, participaron os axentes da Policía Local e Nacional. 

 

Un accidente entre dous camións provocou retencións na A-6, en Begonte

Dous camións colidiron esta tarde na A-6, en sentido Madrid, ao paso polo concello lucense de Begonte. Un dos vehículos implicados estaba parado por mor dunha avaría e outro bateu contra el. Por fortuna, os condutores resultaron ilesos. Sen embargo, se produciron retencións no tráfico, que se prolongaron mentres duraron as tarefas de limpeza da vía. Un dos camións implicados transportaba cervexa, a causa do golpe, perdeu parte da súa carga. O 112 Galicia rexistrou o accidente pasadas as dúas desta tarde e, dende o Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia se informou aos axentes da Garda Civil de Tráfico.  Ademais, en Ourense, unha muller foi atropelada por unha moto. Ocorreu ás cinco desta tarde na Rúa Celso Emilio Ferreiro. Unha ambulancia de Urxencias Médicas trasladou á ferida ao complexo hospitalario da cidade, mentres que o motorista acudiu ao centro de saúde polos seus propios medios. Unha das persoas que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda asegurou que a muller tiña feridas de gravidade. Os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia pediron a colaboración da Policía Local e os bombeiros da cidade.