Escuchar

Evacuado en helicóptero un peregrino ao sufrir unha caída en Triacastela

Un peregrino tivo que ser trasladado de urxencia a un centro hospitalario despois de caer da bicicleta cando facía o Camiño de Santiago. Os feitos producíronse á altura do concello lucense de Triacastela, no quilómetro 143 da ruta. Un compañeiro seu chamou ao 112 Galicia ás 12:30 horas de hoxe solicitando axuda sanitaria. Explicou que os dous forman parte dun grupo de ciclistas que estaban peregrinando cara a Compostela. O persoal do CAE 112 Galicia contactou con Urxencias Médicas. Os efectivos sanitarios decidiron mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Ourense e unha ambulancia. A persoa ferida acabou sendo trasladada ao hospital na aeronave. Ademais, os profesionais do CAE 112 Galicia puxeron todos estes datos en coñecemento do GES de Becerreá e da Garda Civil.

 

Unha muller ferida nun accidente múltiple en Cambre

Un accidente de tráfico no que se viron implicados tres vehículos saldouse cunha muller ferida. O sinistro rexistrouse no concello de Cambre, na estrada da Estación. O CAE 112 Galicia tivo notificación da colisión múltiple ás 17:30 horas desta tarde. Decontado, o persoal do 112 Galicia informou a Urxencias Médicas, que enviou ao punto unha ambulancia. A muller foi trasladada a un centro sanitario. Os efectivos do 112 Galicia tamén alertaron dos feitos aos Bombeiros de Arteixo e a Protección Civil de Cambre. Segundo explicou a Policía Local ao CAE 112 Galicia, no lugar dos feitos producíronse importantes retencións durante a tarde.

 

Trasladada unha muller en Narón por inhalación de fume

Unha muller de Narón foi trasladada esta tarde a un centro sanitario por inhalación de fume despois de declararse un incendio na súa casa. A vivenda afectada sitúase no lugar do Feal, na parroquia de Xubia. As lapas calcinaron por completo o comedor do inmoble. Ademais, toda a vivenda quedou danada polo fume. Un particular alertou ao CAE 112 Galicia ás 15:30 horas desta tarde de que vía saír fume polas fiestras da vivenda. Os profesionais do 112 Galicia contactaron con Emerxencias Narón e coa Policía Nacional, que enviaron dotacións ao lugar. Ata alí tamén se acabou desprazando unha ambulancia, que atendeu á muller antes de ser trasladada. Agora investíganse as causas que provocaron o lume. Non se descarta que fora intencionado.