Escuchar
martes, 21 Agosto, 2018

Dúas persoas resultaron feridas esta madrugada en Gondomar despois de producirse un choque frontal entre outros tantos coches. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, as dúas vítimas tiveron que ser trasladadas ao centro médico de referencia.

O accidente tivo lugar na PO-331, concretamente no punto quilométrico 13,900, ao fío das 6:50 horas. Nese momento, o 061-Urxencias Sanitarias alertaba do sinistro ao 112 Galicia.

Decontado, dende o CIAE 112 Galicia se pasou o aviso á Garda Civil de Tráfico, ao GES de Val Miñor e ao servizo de mantemento da estrada.

Camioneiro excarcerado
Por outra banda, a pasada tarde ocorreu un accidente de tráfico en Maside, no que un camión rematou envorcado e o seu condutor tivo que ser excarcerado polos Bombeiros do Carballiño.

Sucedeu na estrada que une Ourense e O Carballiño, nas proximidades de Maside.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 18:55 horas, a través da chamada dunha persoa particular.

Acto seguido, o persoal do CIAE 112 Galicia puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros do Carballiño, da Garda Civil de Tráfico e do 061-Urxencias Sanitarias, que mobilizou un helicóptero medicalizado ata o lugar do sinistro.