Escuchar
xoves, 21 Xuño, 2018

Unha colisión entre un coche e un camión que transportaba area en Arteixo saldouse cunha persoa ferida. Segundo puido saber o 112 Galicia, a vítima viaxaba no turismo accidentado e tivo que ser excarcerada polos bombeiros do municipio coruñés ao quedar atrapada no interior do vehículo, que rematou envorcado.

O accidente ocorreu na DP-0512, concretamente no punto quilométrico 7,200, ao fío das 17:10 horas.

Unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do sinistro e, decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia se pasaba o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros de Arteixo, a Protección Civil e á Policía Local.

Accidente entre coche e tractor
Por outra banda, unha persoa tivo que ser excarcerada polos Bombeiros de Vilalba ao colidir contra un tractor o turismo no que circulaba.  O accidente sucedeu na rotonda do Polígono Industrial de Vilalba, ás 18:02 horas.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, o remolque do vehículo agrícola envorcou e caeu sobre o vehículo no que viaxaba a persoa que quedou atrapada.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente de tráfico a través da Policía Local. Acto seguido, dende o CIAE 112 Galicia se solicitou a colaboración da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil, do 061-Urxencias Sanitarias e dos Bombeiros de Vilalba.