Escuchar
domingo, 19 Agosto, 2018

Un condutor foi excarcerado este mediodía tras saírse da vía e caer por un desnivel duns tres metros cando circulaba pola estrada que une Domaio e San Lourenzo, á altura da localidade pontevedresa de Moaña.

Un particular foi quen, pasados uns minutos das 12:00 horas deste mediodía, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Aseguraba que, polo menos, había unha persoa ferida. Con estes datos, dende o CIAE alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros do Morrazo. Así mesmo, informouse á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. 

Tras chegar ao punto, persoal sanitario comunicou ao 112 Galicia da posibilidade de persoas atrapadas, polo que, de inmediato, os Bombeiros saíron decontado cara o lugar. 

Nada mais chegar, os Bombeiros procederon á excarceración do condutor. Indicaron que foi preciso cortar parte do vehículo para que o persoal sanitario puidese evacuar á vítima. 

Catro feridos en San Cibrao
Pasados uns minutos das 13:00 horas deste mediodía, un particular alertaba ao 112 Galicia dun choque frontal entre dous turismos que circulaban pola estrada vella de Seixalbo, no alto do Cumial. Indicaba que non podía asegurar si había xente atrapada pero si indicaba que vía como unha muller estaba sentada no interior dun dos vehículos. Decontado, tras recibir o aviso, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) alertouse ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros de San Cibrao. Ademais, informouse da situación aos axentes de Tráfico, aos membros do GES de Pereiro de Aguiar e aos efectivos de Protección Civil da localidade.

Unha vez no punto, os Bombeiros confirmaron ao persoal do 112 que non foi preciso excarcerar pero si axudaron a sacar a unha muller do interior dun dos vehículos. Indicaron que, finalmente,  foron catro persoas as que resultaron feridas, tres adultos e un menor.