Escuchar
luns, 20 Agosto, 2018

Un home resultou ferido esta tarde en Lugo nunha colisión na que se viron implicados dous coches. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, a vítima tivo que ser excarcerada polos bombeiros da cidade ao quedar atrapada nun dos vehículos accidentados.

Sucedeu na rúa da Industria, á altura do número 94, ao fío das 13:15 horas. Nese momento, unha persoa particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do sinistro.

Decontado, dende o CIAE 112 Galicia se puxo a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Policía Local e dos Bombeiros de Lugo.

Colisión múltiple e caída de moto
Por outra banda, na Coruña, tres persoas resultaron feridas leves despois de producirse unha colisión entre outros tantos coches na Ponte da Pasaxe, en sentido Madrid.

O 112 Galicia tivo constancia do accidente ás 17:00 horas, a través das chamadas de varios particulares.

A partir de aí, o persoal do CIAE 112 Galicia pasou o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico e aos Bombeiros da Coruña.

Finalmente, os efectivos sanitarios trasladaron a unha das persoas feridas ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e ás outras dúas vítimas ao hospital Quirón.

Uns minutos despois tamén tiña lugar outro accidente de tráfico na Ponte da Pasaxe. Neste caso tratouse dunha caída de moto na que unha muller resultou ferida.

Foron varios particulares os que contactaron co 112 Galicia ao fío das 17:05 para informar deste accidente.

Acto seguido, os xestores do 112 Galicia requiriron a colaboración dos efectivos do 061-Urxencias Sanitarias, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e dos bombeiros da cidade.

Segundo puido saber o 112 Galicia, o accidente provocou numerosas retencións na AC-12, concretamente no punto quilométrico 4.