Escuchar
mércores, 20 Xuño, 2018

Os Bombeiros extinguiron un incendio que afectou a unha nave de electricidade situada no Polígono Chan da Ponte, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño.

Afortunadamente, ningunha persoa resultou ferida, iso si, as lapas calcinaron a parte baixa  do inmoble onde se atopaban varios camións estacionados, resultando afectado  unicamente un deles.

Foron varios os particulares que, ao fío das 21:00 horas da noite pasada, chamaron ao 112 Galicia para alertar do lume. Aseguraban que  todos os traballadores saíran ao exterior, polo que, non había persoas afectadas.  Indicaban que no soto había varios camións  estacionados, diverso material eléctrico e ademais varias naves ao seu carón, que podían correr risco.

Nada mais recibir a chamada de alerta dos particulares, o CIAE puxo en marcha un operativo formado polos Bombeiros de Baixo Miño, Ponteareas e a Garda Civil. Así mesmo, púxose en alerta ao persoal sanitario do 061 e aos membros de extinción dos parques do Morrazo , do Salnés e de Vigo, por se fose precisa a súa intervención nalgún momento.  Ademais, dende o 112 Galicia tamén se puxeron os feitos en coñecemento do servizo de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

Sobre as 22:45 horas, os Bombeiros de Baixo Miño confirmaban ao 112 Galicia a extinción do incendio na súa totalidade. Polo momento, descoñécense as causas que orixinaron o lume.