Escuchar
xoves, 12 Xullo, 2018

Unha indisposición puido ser a causa do falecemento dunha persoa en Neda.

O home atopábase recollendo miñocas nunha pista que pasa por debaixo  da Ponte da Autovía, no concello coruñés de Neda, cando ao parecer, empezou a sentirse mal. Así o relataban os Bombeiros de Ferrol que acudiron ao punto nada mais  ser alertados polo 112 Galicia.

O CIAE tivo constancia do suceso ao redor das 19:30 horas de onte, grazas á chamada dun particular que solicitaba unha ambulancia para unha persoa  que se atopaba –tirada- debaixo da Ponte da Autovía que une Neda con Narón.

De inmediato, dende o 112 pasouse aviso ao 061-Urxencias Sanitarias que desprazou unha ambulancia ao punto. Así mesmo, informouse aos axentes da Policía Nacional e da Garda Civil que solicitaron a intervención dos Bombeiros para o rescate do home, debido á cantidade de lodos que cubría o lugar onde se atopaba.

Falecido en Navia de Suarna
Un home faleceu onte no concello lucense de Navia de Suarna tras sufrir un accidente mentres cortaba árbores no monte.

Pasadas as 18:30 horas da tarde pasada, persoal  sanitario informaba ao 112 Galicia da saída do helicóptero medicalizado con base en Ourense cara o Centro de Saúde de Navia de Suarna, por mor dunha persoa que sufrira un accidente no monte. Tras o aviso, dende o CIAE solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil.

Pese aos intentos de reanimación, os facultativos só puideron confirmar o falecemento da persoa.