Escuchar
martes, 21 Agosto, 2018

Unha colisión entre un camión e un coche en Silleda saldouse con dúas persoas feridas. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, unha das vítimas tivo que ser trasladada nun helicóptero medicalizado ata o Hospital Clínico de Santiago, tras ser excarcerada polos Bombeiros do Deza. Por outra banda, a outra persoa accidentada resultou ferida de carácter leve e foi evacuada ao centro médico de Lalín.

O accidente ocorreu no punto quilométrico 306 da N-525, ao fío das 13:15 horas. Nese momento, O 061-Urxencias Sanitarias e a Policía Local alertaban ao 112 Galicia do sinistro.

A partir de aí, os xestores do 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros do Deza e da Garda Civil de Tráfico.

Colisión múltiple
Por outra banda, en Vigo, catro persoas tiveron que ser trasladadas a un centro hospitalario despois de producirse unha colisión na que se viron implicados tres coches. Ocorreu no enlace da A-55 coa AP-9, sentido Vigo, uns minutos antes das 15:45 horas.

Varios particulares contactaban co 112 Galicia para informar do sinistro e, decontado, dende o CIAE 112 Galicia se pasou o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Vigo e a Protección Civil.