Escuchar

O Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración entre o Ministerio de Interior e a Xunta para incorporar efectivos da Garda Civil ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE 112) da Estrada. O obxectivo desta iniciativa é garantir unha resposta rápida á cidadanía, grazas a unha activación coordinada e eficaz dos distintos servizos públicos de emerxencia.

O persoal da Garda Civil que se inclúe no convenio para prestar este servizo ascende a un total de nove efectivos: un capitán/tenente, un suboficial e sete cabos ou gardas. O CIAE porá á disposición dos axentes as instalacións, equipamentos e un uso prefixado da plataforma informática para que poidan colaborar, desde as súas competencias, na xestión das emerxencias.

Deste xeito, no propio centro haberá diariamente persoal deste corpo -o máis numeroso de Galicia– que recibirá directamente a información da emerxencia na que deberán intervir. Os seus responsables encargaranse de realizar as mobilizacións correspondente á Garda Civil, e de reportar a información necesaria sobre a resolución da situación para que todos os que interveñan dispoñan da mesma.

A integración, polo tanto, comporta vantaxes tanto para a Garda Civil, que pasará a ter información máis detallada e áxil da emerxencia, o que lle permitirá actuar de xeito máis eficaz; como para o 112, que pasa a contar persoal de enlace da Garda Civil na propio centro e con mellor información de retorno. Todo isto redundará nunha actuación máis coordinada e eficaz ao servizo da cidadanía.

Para máis información, pode consultar aquí a referencia do Consello do Goberno da Xunta de Galicia.